Monday 16 de September de 2024

O Concello de San Sadurniño solicitará acceder aos créditos do IDAE para a renovación de iluminacións públicas


A proposta foi apoiada polo BNG e o PSOE, mentres que o PP optou pola abstención

 

25 minutos de exposición e debate ocuparon o pleno extraordinario e urxente convocado para a mañá deste venres cun único tema central na orde do día: a solicitude do Concello de concorrer ao programa de financiamento do IDAE para a mellora das redes municipais de iluminación pública coa finalidade de acadar unha maior eficiencia enerxética. Os tres grupos votaron en primeiro lugar a urxencia da sesión para, deseguido, entrar na exposición do programa estatal e das actuacións que pretende levar a cabo San Sadurniño se finalmente obtén a achega, cuantificada en 1.8 millóns de euros en forma de préstamo a dez anos sen xuros nin comisións. Unha contía que, segundo asegura o propio Instituto para Diversificación do Aforro e a Enerxía, se recuperará en aproximadamente sete anos gracias ao aforro conseguido na factura eléctrica. Foi precisamente o importe do crédito o que provocou que non houbese unanimidade na votación final, posto que o BNG e o PSOE apoiaron a proposta mentres que o PP optou pola abstención.

O grupo popular non se posicionou nin a favor nin en contra da solicitude por considerar o investimento “demasiado esaxerado e arriscado” para a capacidade económica municipal, tendo en conta que se financiaría cun préstamo “que hai que devolver”. Neste sentido, María Belén Trigo criticou que non se optase por concorrer á convocatoria estatal pedindo unha cantidade menor -o proxecto está cifrado en 1.846.627,33 euros- e sinalou que a remodelación da iluminación pública podería irse acometendo pouco a pouco -“en tramos” dixo a portavoz do PP- no canto de facela dunha soa vez.

O Grupo de Goberno rebateu os argumentos da oposición acudindo ao contido das bases publicadas polo IDAE, que priman actuacións integrais coas que se logren reducións de consumo superiores ao 60%. “Ser eficientes é unha esixencia”, dixo Secundino García ao tempo que incidiu en que para acadar ese obxectivo é necesario renovar toda a rede.

O rexedor engadiu a este respecto que, de acordo coa convocatoria, se se deseñase un proxecto dun importe inferior cabería a posibilidade de que a solicitude non obtivese a puntuación necesaria para acceder ao crédito. “Aínda que é un préstamo, funciona como unha subvención na que se valora o aforro total”, dixo García Casal precisando ademais que a auditoría da rede de iluminación elaborada polo Concello “dinos que facendo ese investimento, o aforro xerado será superior á amortización do préstamo”. A aseveración do alcalde aparece recollida na propia información facilitada polo IDAE, na que se estima que, co prezo actual da electricidade, os concellos que se beneficien dos créditos -concedidos a dez anos, sen xuros e cun ano de carencia- poderían devolvelos nun prazo aproximado de sete anos, gracias á redución do seu gasto na factura da luz.

O BNG reclamou do PP unha postura “clara” sobre a cuestión, co obxectivo de que o proxecto e a solicitude dos fondos estatais saíse do pleno cun voto unánime da corporación: “apostamos por un investimento global que se pode cuantificar en aforro enerxético, ou seguimos parcheando (as iluminacións públicas) e pagándolle inxentes cantidades de diñeiro ás eléctricas? Iso é o que temos que decidir”, preguntou a portavoz nacionalista, María Muíño.

Finalmente non houbo unanimidade, e tanto o anteproxecto de renovación da rede de iluminación pública como a solicitude do crédito do IDAE, cuxa concesión estará supeditada á valoración técnica segundo os criterios da convocatoria, foron aprobadas co apoio do BNG e do único representante do PSOE.

Obxectivo: reducir o gasto enerxético en máis dun 65%
O pleno celebrado esta mañá convocouse con carácter urxente para garantir o cumprimento do prazo de solicitude da convocatoria, que vence o próximo 24 de outubro.

A auditoría realizada polo Concello sobre o estado da rede pública de iluminación cifra en 2.170 os puntos de luz repartidos polas parroquias e a zona urbana, que suman 164,50 kW de potencia instalada, un consumo anual de 720.513,94 kWh e, en termos económicos, un gasto superior aos 108.000 euros.

O proxecto que opta á entrar nas liñas crediticias do IDAE mantería exactamente os mesmos puntos de luz, pero a potencia instalada sería case dez veces menor -77,4 kW,- o consumo baixaría dos 720.000 a 248.000 kWh anuais e, cos prezos actuais da electricidade, a factura da luz pasaría de 108.000 euros a tan só 37.300. É dicir, lograríase un aforro enerxético dun 65,5%, ademais de estar reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación lumínica proxectada ao ceo e as vivendas.

Para logralo, a auditoría propón levar a cabo, entre outras actuacións, a unificación de liñas, a instalación de novos cadros de mando que permitan o control a distancia ou a substitución de antigas lámpadas por modernos dispositivos led con potencias axeitadas a cada zona.